Jorge Coira, nacido en Rábade (Lugo), rodou as súas primeiras curtametraxes amateurs a finais dos 80 e comezou a súa carreira profesional a finais dos 90.
Tralos comezos en curtametraxes como Mofa e Befa en Gran Liquidación e O Matachín, en 2004 estreou a súa primeira longametraxe: O Ano da Carracha.
A súa seguinte película, 18 comidas -estreada a finais de 2010-, recibiu numerosos premios, sendo seleccionada en máis de 30 festivais internacionais. En 2019 estreou Eroski / Paraíso, codirixida con Xesús Ron e en colaboración co grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), en 2022, Código Emperador, película de inauguración do Festival de Málaga e, en 2023, a comedia Me he hecho viral, producida por Warner Bros e Atresmedia Cine.
Outro dos terreos nos que máis se moveu é o documental, con traballos como Chunda Chunda, Días de Reparto, Torre de Breoghàn ou ¿Qué Culpa Tiene el Tomate?, que foi estreado no MoMA en Nova York.
Dirixiu series tanto para Galicia –Terra de Miranda, As Leis de Celavella, Padre Casares e Luci-, como para ámbito nacional –El Comisario, RIS, Pelotas ou Sé quién eres, entre outras-.
Nos últimos anos dirixiu as dúas temporadas da serie Hierro -de Movistar+, Arte France e Portocabo-, que recibiron varios dos premios máis importantes da televisión española e, no ano 2022, Rapa, tamén con Movistar e Portocabo
En 2016 gañou o Goya a mellor Montaxe polo seu traballo en El Desconocido, de Dani de la Torre.