Longametraxe / Comedia
O ano da carracha foi a miña primeira película. Estaba a deixar atrás esa época de estudante na que vira (e nalgúns casos vivira) unha boa cantidade das loucuras habituais en calquera cidade universitaria; e quería falar desa estraña dolce vita: absurda, desmadrada e irreverente.
E a película xerou as súas propias loucuras. Dende unha rodaxe na que tiven que enfrontarme a todas as miñas inseguridades como director novato (nunca poderei expresar toda a gratitude que lles debo aos actores por apoiarme e divertirse comigo) ata reaccións extremas por parte do público (grandes amores e grandes odios, houbo de todo). Pero probablemente a loucura máis curiosa foi a de ver a miña escena favorita da película convertida nun anuncio de coches Skoda (podedes velo máis abaixo). Moi raro.
SINOPSE:
Fran chega ao inevitable momento de acabar a carreira. A partir de aí, xurde unha chea de dilemas dos que vai depender o seu futuro: os primeiros traballos, sempre frustrantes e, en moitos casos, próximos ao absurdo; os problemas coa súa moza provocados pola crise post-licenciatura; a lotería das oposicións… todo isto vai a traer de cabeza ao noso protagonista. Cada decisión será vital, ainda que Fran terá a guía de Morgan, fillo de ricos e orgulloso teórico do “carrachismo”, do que aprenderá moito sobre como chegar á dolce vita da dependencia paterna.
Ano: 2004 / Dur.: 87 min. / Prod.: Filmanova, Lugopress
Dirección: Jorge Coira
Guión: Carlos Portela
Prod. executiva: Antón Reixa, Xosé de Cora
Reparto: Félix Gómez, Javier Veiga, Verónica Sánchez, María Vázquez, Víctor Clavijo, Camila Bossa, Mela Casal, Celso Parada, Luis Zahera, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Xosé Esperante, Xulio Abonjo