Serie TV / Thriller
As leis de Celavella é un dos traballos aos que lle teño máis cariño de todos cantos fixen. Cando eu entrei nesta serie xa se fixeran dúas tempadas, que dirixira maxistralmente Gerard Gormezano, e para facernos cargo das dúas seguintes tempadas (26 episodios), entramos Carlos Sedes e máis eu.
Aquela serie fora moi especial por varias razóns: por unha banda, o feito de facer un thriller de época naquel momento era algo único en España, e máis nun caso coma este, no que cada episodio era como unha pequena película en si mesma (con diferentes retos narrativos e estéticos en cada historia); por outra banda, era obvio para todos nós que a posibilidade de rodar algo máis coidado e elegante do habitual nese momento, fixo que absolutamente todo o equipo dese o mellor de si, polo que a rodaxe foi unha das máis intensas e esixentes da miña vida.
SINOPSE
Pablo Veiga, avogado metido a detective, e a súa secretaria Matilde forman unha peculiar parella dedicada a resolver os truculentos casos que suceden na vila de Celavella, mentres se debaten entre os principios morais da época e os sentimentos que os empurran a dar un paso máis alá na súa relación. As Leis de Celavella é unha serie de suspense e acción que combina as tramas xudiciais e costumistas, a través das cales se mostra a realidade da época.
Ano: 2003 – 2005 / Dur: 70 min. / Prod.: Voz Audiovisual, TVG
Creada por Pepe Coira, Cheché Carmona, Eligio R. Montero, Puri Seixido
Dirección: Gerard Gormezano, Jorge Coira, Carlos Sedes
Reparto: Manolo Cortés, Salvador del Río, Nuncy Valcárcel, Marcos Viéitez, Camila Bossa, Eva Fernández, Avelino González, Fernando Morán, Antonio Mourelos, Rodrigo Roel, Ana Santos, Carlos Fernández, Tuto Vázquez, Margarita Fernández